Thursday 02 de May de 2024

O Concello reforza a axuda para cubrir as necesidades básicas das familias en vulnerabilidade


O Concello de Oleiros acaba de sacar a contratación por 240.000 euros a compra de alimentos e produtos básicos de primeira necesidade para axudar as familias en adversas situacións económicas durante 2023. Ademais desta actuación, o Concello entrega anualmente 50.000 Kg de alimentos non perecedoiros procedentes da Unión Europea.

En Oleiros hai neste momento 280 familias en situación de vulnerabilidade que recibirán esta axuda. Mediante a entrega dunha tarxeta, que se vai recargando en función do número de membros da familia, as persoas beneficiarias poden acudir ao supermercado a adquirir alimentos e artigos de hixiene persoal e doméstica en condicións de absoluta confidencialidade.

O Concello reforzou este contrato ante a súbita cancelación en xuño deste ano do programa autonómico de tarxetas moedeiro da Xunta de Galicia. Ese freo en seco, incluso algúns días antes da súa perda de vixencia burocrática, deixou a bastantes familias sen a axuda alimentaria autonómica.

Ademais das tarxetas para o supermercado e do reparto de alimentos da Unión Europea, o Concello está a axudar a todas estas familias custeando integramente o comedor escolar dos nenos e nenas destas familias; entregando axudas para o pagamento do aluguer ou a factura da luz, a compra de electrodomésticos e artigos imprescindibles no fogar, gafas ou dentista; asumindo os gastos de medicamentos etc. Ademais realízase tamén un importante investimento no Servizo de Axuda no Fogar, para a atención de persoas maiores e dependentes nos seus domicilios.